A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas mantivo esta mañá un encontro co alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz Rivas, e cos concelleiros dos grupos municipais do BNG e do PSdeG-PSOE.
A reunión enmárcase no seo do grupo de traballo creado entre a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e os 6 grupos políticos que forman a corporación municipal do concello, co fin de reactivar a adaptación do PXOM vixente á nova Lei 2/2016 do Solo de Galicia.
Neste primeiro encontro, o alcalde trasladou a decisión municipal de axilizar a redacción do PXOM. Asemade, os portavoces dos outros dous grupos manifestaron a necesidade de dar resposta a través do novo planeamento das necesidades que ten Ribeira para seguir desenvolvéndose.
Neste senso, paralelamente á tramitación do PXOM, acordouse tramitar unha modificación puntual do planeamento vixente aprobado en 2012 para un polígono industrial, desclasificando dous ámbitos existentes sen desenvolver pero cuxa execución, pola súa situación e impacto, non é a axeitada, tanto pola proximidade ao parque natural de Corrubedo como pola afección do Plan de Ordenación do Litoral.
A secretaria xeral, Encarnación Rivas, comunicou que a nova lei 2/2016 do Solo de Galicia, simplifica e axiliza a tramitación dos novos PXOMs ao unificar o procedemento urbanístico co ambiental, e ao reducir de 2 meses a un o prazo do que dispón o Instituto de Estudos do Territorio para facilitar a documentación que soliciten os concellos para redactar o PXOM.
Rivas Díaz tamén destacou que agora o Informe previo á aprobación inicial, que emite a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, convértese nunha consulta máis dentro da fase tramitación ambiental, o que axiliza considerablemente os tempos ao concentrar as dúas vías que antes discorrían paralelas (ambiental e urbanística) nun único procedemento.
A Xunta de Galicia destaca o apoio técnico e económico deste documento que planificará o desenvolvemento do concello da Ría de Arousa, para o cal concedeu axudas por importe de 212.000 euros.
En novembro de 2009, o concello contratou ao equipo redactor para iniciar os traballos do PXOM, pero en xuño de 2013, acordou en pleno aprazar a tramitación do planeamento ata a entrada en vigor da nova Lei do Solo que finalmente tivo lugar o pasado 19 de marzo.
https://www.youtube.com/watch?v=WEBR2aQEf4U