O BNG da Pobra do Caramiñal presentou esta mañá o Roteiro Lúdico-Reivindicativo que organizaron para o domingo 15 de maio a partir das 11:30 h co gallo das letras galegas. O roteiro estará acompañado de música nun tramo.
Os nacionalistas perseguen varios obxectivos co roteiro , por un lado, reivindicar a sinalización dos lugares do noso concello, recuperando e pondo en valor a nosa toponímia, axudando á súa visibilización e coñecemento, así como favorecendo servizos e comunicacións que precisan da correcta indicación dos lugares. Para tal fin escollemos a estrada que dende a Baiuca (a carón de Fripusa e Albacora) vai pola Pontenaveira, Banda ao Río, O Sobral, A Mirandela e As Xunqueiras ata O Campiño. En cada un destes lugares colocaremos unha sinal co seu nome.
O outro obxectivo é render unha homenaxe a Manuel María, autor ao que este ano se lle dedican ás letras galegas, lendo un dos seus poemas en cada unha das paradas, e a Anxo Rei Ballesteros. Autor intimamente ligado á Pobra e que recentemente, por iniciativa do BNG, decidiuse homenaxer como merece. Nese sentido ao final do roteiro, no Cruceiro das Xunqueiras, faremos unha lectura de textos da súa autoría.
https://www.youtube.com/watch?v=Btc7nKv8KSg