Deportes

NA PRIMEIRA AUTONÓMICA O CIDADE DE RIBEIRA RECIBE AO LÍDER, O CRUCES. O UNIÓN VISITA AO ESCLAVITUDE E O TARAGOÑA BUSCARÁ SEU PRIMEIRO TRIUNFO NA CASA FRONTE AO VAL DO ULLA. NO GRUPO DA COSTA O VOLANTES XOGARÁ CONTRA O CORME

Os equipos barbanzás da Primeira Autonómica xogarán ao completo esta fin de semana nunha nova xornada. Cidade de Ribeira, Unión, Taragoña e Volantes buscarán conseguir os tres puntos nos seus respectivos encontros.
Por un lado, os de Santa Uxía reciben na Fieitiera ao Cruces, actual líder en solitario con 9 puntos. Os de Manuel Ángel veñen de sufrir unha dura derrota contra o Praíña (4-0). Tan só un triunfo na primeira xornada contra o Taragoña e un empate contra o Cordeiro fanlles sumar 4 puntos na clasificación xeral. O encontro disputarase o domingo ás 17 horas. O técnico ribeirense non poderá contar con Lojo por sanción, sen embargo recupera a Pedro para a zona de ataque.
O CD Unión, pola súa parte, busca manter a boa dinámica de xogo e resultados. Logo dun complicado inicio de liga fronte aos rivais máis fortes da categoría, os de Asados sitúanse en terceira posición con 7 puntos, dous triunfos e un empate. Diante terán ao Esclavitude, un rival aguerrido e defensivo, que suma 2 puntos en 4 partidos. A priori os de Luisito son favoritos, pero o fútbol é moi cambiante. O encontro disputarase no Campo do Doce o domingo a partir das 17:15 horas.
O Taragoña recibirá na casa ao Val do Ulla, coa obrigación de sumar os tres puntos contra un rival directo. Os rianxeiros só suman 1 puntos en catro partidos, o conseguido contra o Cordeiro na xornada dúas. En fronte terán ao Val do Ulla, que suma 4 puntos en catro xornadas e veñen de empatar na casa contra o Esclavitude. Parece que esta xornada será a primeira vitoria da tempada para o Taragoña. O encontro disputarase o domingo a partir das 17:00 horas.
No grupo da Costa, o Volantes volta á competición logo dunha semana de descanso. Farao contra o Corme na casa. Os de Muros suman dúas derrotas en dúas xornadas, polo que necesitan comezar a puntuar para entrar nunha mellor dinámica. O Corme pola súa parte suma un punto, o acadado na primeira xornada contra o Soneira. O encontro disputarase mañá sábado a partir das 16:30 no Eleuterio Balayo.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.