O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou esta mañá unha iniciativa, impulsada polo Grupo Popular pero co voto en contra de toda a oposición, na que demanda á Unión Europea un cambio no sistema de reparto das cotas de pesca. O acordo insta ás autoridades comunitarias e estatais a promover a revisión do actual modelo, impulsando un mecanismo de xestión dos recursos pesqueiros que permita que as cotas sobrantes poidan cederse ou traspasarse ás flotas, como a galega, que precisan de posibilidades de pesca adicionais para continuar a súa actividade.
O portavoz do Mar do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, lembrou que, segundo un recente estudo da Cooperativa de Armadores de Vigo, que analizou as 20 principais especies sometidas a TACs e cotas durante o período 2008-2014, non foron utilizadas máis de un millón de toneladas en posibilidades de pesca asignadas aos distintos estados membros, cun valor económico desaproveitado que, segundo estimacións, supera os 1.800 millóns de euros.
Esta situación provoca, indicou Balseiro, “unha evidente contradición, pois mentres a Unión Europea di defender o aproveitamento máximo das capturas, ata o punto de prohibir os descartes e obrigar a devolver ao mar o peixe capturado sobre o que non existe cota, pola outra banda vemos como hai países que non aproveitan todas as súas posibilidades de pesca”.
O portavoz popular amosou o seu convencemento de que poñendo en marcha este mecanismo “estaríamos ante unha nova oportunidade para aumentar os TAC e cotas que dispón a flota galega e corrixir o modelo actual que obrigou a unha parte substancial da nosa flota a asumir enormes sacrificios, peches e perdas”.
Balseiro mantivo que a insuficiencia das cotas de pesca parte dun problema de orixe, da data de ingreso de España na Unión Europea. “Os que daquela negociaron as condicións de acceso aceptaron unha clave de reparto fixa, invariable desde 1983 e profundamente desequilibrada, xa que, mentres España representa entorno ao 24 por cento do total da flota pesqueira europea, so posúe entre o 7 e 8 por cento das súas cotas”, apuntou.
O acordo parlamentario saíu adiante grazas á maioría absoluta do Partido Popular, pero co voto en contra do PSOE, BNG, AGE e Grupo Mixto, que coincidían nas súas emendas na necesidade de insistir na vía da impugnación xudicial a pesar de que se demostrou o seu fracaso.
https://www.youtube.com/watch?v=TzVwprSqtnE