A Consellería de Política Social e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) chegaron a un acordo marco en relación ao Consorcio Galego de Servizos de Igualade e Benestar para seguir prestando e cofinanciando servizos sociais de maneira conxunta e coordinada entre a administración autonómica e a local. O responsable da área social do Goberno de Galicia e o presidente da Fegamp, José Manuel Rey Varela e Alfredo García Rodríguez, respectivamente, asinaron hoxe este acordo que se sustenta nun sistema de coparticipación e cofinanciación con criterios claros e consensuados, así como na importancia e necesidade de que os Concellos adheridos ao Consorcio sigan sendo copartícipes da xestión compartida dos centros co obxectivo de garantir aos servizos que se prestan no ámbito local por parte do Consorcio.
O titular da carteira autonómica de Política Social destacou que este entendemento co organismo que agrupa aos alcaldes e alcaldesas de Galicia
Na mesma liña que o conselleiro pronunciouse o máximo responsable da Fegamp, García Rodríguez subliñou que o acordo “da estabilidade tanto aos Concellos, xa que saberán o custe que teñen que aboar por praza e polo tanto poderán recollelo nos seus orzamentos, como á Consellería”.
Custe por praza e revisión das liquidacións
Deste xeito, o acordo subscrito esta mañá na sede da federación de municipios e provincias regula a partir deste ano 2016 un modelo de financiamento conxunto que salvagarda a viabilidade económica presente e futura dos servizos de escolas infantís e Centros de día que se prestan no ámbito local xestionados a través do Consorcio. En concreto, delimítase un custe por praza a abonar por parte dos Concellos que, para esta anualidade e as seguintes, queda en 1.500 euros por praza no caso das escolas infantís; e de 2.500 por praza no que atinxe aos Centros de día. Estas cantidades diminúen en 600 euros para aqueles Concellos que se encarguen do mantemento dos equipamentos, quedando o custe por praza para as escolas infantís en 900 euros e en 1.900 euros nos Centros de día. Cómpre sinalar que o custe da praza en escola infantil é, como media, de 4.500 euros; mentres que nun Centro de día o prezo por praza ascende a 7.500 euros.
Por outra banda, este acordo permitirá que novos Concellos que así o desexen poidan incorporarse ao Consorcio, e solicitar que escolas infantís e Centros de día hoxe de xestión municipal poidan integrarse voluntariamente para ser xestionados a través do Consorcio.
Unha vez modificada a normativa legal, o Consorcio revisará todas as liquidacións practicadas e que foron remitidas aos concellos correspondentes os anos anteriores, aos cales remitiránselles unhas novas liquidacións en base aos novos criterios recollidos neste acordo marco e que serán obxecto de análise individualizado con cada concello a través das correspondentes comisións de seguimento. A tal efecto, establécese o prazo dun ano para a revisión de todas esas liquidacións, creándose ademais unha comisión mixta formada pola Fegamp e o Consorcio para o seguimento e coordinación deste proceso.




