O CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao de Rianxo recibiu esta mañá o Premio do Concurso-Exposición Letras Galegas 2016 na modalidade de Infantil e Primaria, nun acto que se celebrou no propio centro e no que participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. É a segunda vez que este CEIP se fai co galardón, que xa gañara no ano 2012. Participaron no acto, canda o secretario xeral, o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o rexedor municipal, Adolfo F. Muíños Sánchez; o xefe territorial da Consellería de Cultura e Educación e o director do CEIP.
O secretario xeral de política lingüistica destacou o bo traballo feito no ceip Castelao, felicitando a toda a comunidade educativa, que soubo traballar conxuntamente, en equipo, para sacar adiante o proxecto gañador do Concurso-Exposición Letras Galegas e renderlle homenaxe a quen, como reflicte o título do seu traballo, mellor “soñou Galicia” para a xente miúda, á que lle dedicou e lle deixou un importante legado literario” .
O presidente da Real Academia Galega, tamén tivo palabras de loubanza para o CEIP Castelao, e destacou ademais que Rianxo é a capital literaria das letras galegas.
O grupo de traballo que participou na confección do proxecto recibiu un premio en metálico por importe de 2000 euros e un diploma acreditativo. Os alumnos e alumnas agradeceron a visita cunha representación.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística contribúe con iniciativas coma esta á conmemoración do Día das Letras Galegas 2016 desde os centros de ensino non universitarios da súa titularidade, convocando anualmente un concurso-exposición arredor da figura homenaxeada, nesta ocasión, a de Manuel María.
Os obxectivos que se perseguen son os de impulsar o estudo da obra de Manuel María, favorecer a reflexión sociolingüística sobre o contexto histórico do autor, incentivar a realización de actividades que fomenten a colaboración multidisciplinar e que potencien a implicación activa do profesorado e do alumnado e fornecer a oferta de materiais existentes en lingua galega, promovendo a súa divulgación como referentes para a creación doutros.