O Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad ven de recoñecer as Boas prácticas clínicas que se desenvolven nos diferentes centros do Sistema Nacional de Saúde. Así, a Xerencia Integrada de Santiago veu recoñecidas 4 boas prácticas clínicas.
3 corresponden a procesos desenvolvidos no Hospital da Barbanza, e foron escollidos como boas prácticas dentro das estratexias de atención ao parto e a saúde reprodutiva : O procedemento conxunto sobre atención integral ao nacemento é un deles, destinado aos coidados dos neonatos hospitalizados e aos coidados dende o nacemento até a primeira semana de vida. A non separación do recén nado da súa nai ou pai é o eixe sobre o que xiran as actuacións multidisciplinares que abranguen as asistencias ao bebé e aos pais, entre elas o “contacto pel con pel” nos partos e cesáreas e a realización de procedementos dolorosos xunto aos pais. Outra boa práctica do hospital de Ribeira recaeu na promoción da lactación materna, que se realiza empregando como ferramenta o asesoramento prestado pola Asociación Española de Pediatría. Tamén se recoñece a fototerapia en aloxamento conxunto, o tratamento para a ictericia neonatal que se realiza na habitación coa permanente presenza da nai.
Asemade o Ministerio de Sanidad destacou como boa práctica o novo modelo para a abordaxe integral da Violencia de Xénero liderado polo Servizo de Atención Primaria de A Estrada en colaboración con diferentes institucións locias.
En total presentáronse 185 candidaturas do conxunto de comunidades autónomas. En total concederon 78. A identificación e difusión de Boas Prácticas constitúe unha prioridade para o Ministerio xa que supón un avance no camiño cara a excelencia. Procuran a mellora continua da calidade asistencial, que responde á necesidade de adecuar os recursos á demanda real.
https://www.youtube.com/watch?v=ocuMuUuCBh4