O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, emprazou hoxe ao sector conserveiro galego a seguir evolucionando da man da investigación e a tecnoloxía para competir fronte a terceiros países e para seguir abrindo novos mercados.
Durante a entrega de medallas de Anfaco-Cecopesca, Feijóo subliñou que nun mercado globalizado como o actual, no que entra en xogo a participación de terceiros países á marxe da UE, obriga ao sector a estar en garda permanente, e a realizar un continuo traballo de investigación e de innovación para que a produción nacional poda manter a súa cota de mercado.
Nesta liña, lembrou que fai apenas dous meses a cadea mar-industria en Galicia avanzaba un paso máis nesta carreira coa posta en funcionamento en Vigo do novo Centro de Tecnoloxías Avanzadas de Investigación para a Industria Mariña e Alimentaria (Cytma). Un centro tecnolóxico de 6.000 metros cadrados de superficie e un investimento total de 8,5 millóns de euros, que permitirá a posta en marcha de novas liñas de investigación no ámbito da alimentación. O seu traballo centrarase no desenvolvemento de alimentos saudables e de calidade; en sistemas de mellora da seguridade alimentaria; no coidado do medio ambiente; na posta en valor de subprodutos e residuos de pescados e mariscos; na investigación sobre acuicultura; en novas tecnoloxías de conservación; e na modernización dos procesos de fabricación integrando as vantaxes da fábrica intelixente.Feijóo expresou o seu convencemento de que este centro vai posicionar Vigo como a capital científica de Europa da industria da conserva, xa que esta nova unidade de investigación reforzará o traballo que xa ven realizando neste ámbito desde 1.991 o Centro Tecnolóxico de Conservación de Produtos da Pesca Cecopesca.