A XUNTA fai un chamamento aos concellos a sumarse ao programa de vivendas baleiras para loitar fronte aos desafiuzamentos

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, fixo hoxe un chamamento aos concellos a sumarse ao Programa de Vivendas Baleiras da Xunta para aproveitar a oportunidade de loitar de forma eficaz fronte aos desafiuzamentos. Vázquez, xunto co director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, asinou hoxe co presidente da FEGAMP, Alfredo García, o convenio para a posta en marcha deste programa mediante o que os municipios interesados en adherirse deberán mobilizar inmobles desocupados das súas localidades para destinalos a alugueiros sociais.

Estas vivendas adxudicaranse a persoas vulnerables de xeito compatible con outras axudas públicas como o Bono de Alugueiro Social da Xunta. A titular de Vivenda engadiu que a Xunta achegará todas as garantías necesarias para esas vivendas mediante un seguro multirrisco do fogar e de cobertura de cobro, incluíndo asistencia xurídica.
Os municipios interesados só teñen que dirixirse á Xunta de Galicia para solicitar a súa adhesión ao Programa e mobilizar vivendas baleiras que estarán dobremente aseguradas para axudar a persoas en risco.
Ethel Vázquez subliñou que resulta imprescindible contar coa participación dos concellos, que, como Administracións máis próximas aos cidadáns, con competencias ademais en servizos sociais, son as primeiras ventanillas ás que acoden as persoas en busca de axuda.
Vázquez indicou que este acordo supón a posta en funcionamento de forma efectiva da medida número 12 da Xunta fronte aos desafiuzamentos. Engadiu que tanto a Xunta como os Concellos dótanse de máis recursos para protexer o dereito constitucional de todos os cidadáns a unha vivenda.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.