O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, invitou hoxe aos galegos a que “fagan seu” o Monte Gaiás, que desde hoxe conta cun bosque con máis de 7.000 árbores, un xardín literario e dous parques infantís.
Máis polo miúdo, Feijóo explicou que este plan conta con tres actuacións concretas: o Bosque de Galicia, cunha rede de sendas peonís iluminadas con focos de baixo consumo e que unirán o cumio do monte coas brañas do Sar; o Xardín Literario, un espazo de reivindicación dos poetas e escritores galegos e que está situado no espazo que, no proxecto orixinal, ocupaba o Centro de Arte Internacional, e dúas áreas infantís de lecer, unha delas figurativa e a outra abstracta.
No tocante ao Bosque de Galicia, o titular da Xunta resaltou que “esta alfombra verde” que conecta Santiago coa Cidade da Cultura conta xa con máis de 7.000 árbores autóctonas como carballos, bidueiros, espiños, erbedos, abeleiras, pradairos, freixos, castiñeiros, faias, cerdeiras e capudres. Así mesmo, este “pulmón verde de Santiago” dispón de zonas de descanso e un miradoiro que ofrece unha vista moi pouco coñecida da cidade.
Por entre estas árbores discorrerá unha tépeda rede de sendas peonís, cunha lonxitude aproximada de 4.000 metros, sinalizadas e dotadas con mobiliario urbano, peches metálicos e cunhas entradas acondicionadas para que acceda o público, desde a avenida Diego Bernal ou desde a Cidade da Cultura.
Cómpre salientar tamén que estas sendas estarán abertas todos os días de sete da mañá a once da noite e estarán iluminadas cun sistema LED de baixo consumo. Este sistema completarase cunha estación fotovoltaica instalada no cumio do monte, que contribúe á recuperación da enerxía.
Xardín Literario e parques infantís