O Concello de Rianxo recupera unha parte importante das actividades culturais: o teatro. A Sala Arcos Moldes do Auditorio de Rianxo volve a contar cunha representación, nesta vez da man do grupo Teatro Airiños de Asados. A compañía organizou dous pases do seu novo espectáculo chamado “Catatuxia”. É unha montaxe presentada como unha cata de textos breves do teatro galego contemporáneo entre os que se inclúen pezas de Xosé Prieto, Avelina Pérez, Ana Carreira, Amantia Coello, Roi Villar Ponte e Carlos Labraña. As representacións realizaranse o sábado 25 de setembro ás 20.30 e o domingo 26 ás 19.00 horas.