Na madrugada do 12 de novembro do 2019 o cerqueiro Divina del Mar encallaba nas rocas de Baroña e un mariñeiro perdía a vida. A Comisión de Accidentes e Incidentes Marítimos, Ciaim, investigou o suceso e sostén no seu informe final que a embarrancada produciuse por falta dunha vixilancia eficaz. A Ciaim apunta que o patrón non se decatou da proximidade da costa ata que sentiu o impacto coas rocas e sinala que non se aprecian variacións no rumbo e velocidade do barco. Por iso os técnicos da comisión non descartan que o patrón se quedara durmido nalgún momento tras o último cambio de rumbo. Tamén recollen no informe que o patrón levaba once horas de garda. A Ciaim non fai recomendacións de seguridade pero saca unha lección: non é razoable que un barco con 10 persoas que faena preto de 14 horas ao día poida gobernalo un único patrón que tamén é mecánico e o único coa titulación requirida para facer a garda.