Rey Varela insiste na prioridade da Xunta “para que non haxa ningunha familia que o desexe sen fillos, pero tampouco, ningún neno ou nena sen familia”

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou na mañá de hoxe na presentación da exposición itinerante sobre o Programa de Acollemento Familiar que permanecerá temporalmente no Edificio Pirámide de Santiago, así como da aplicación móbil Acolle!, ambas as dúas da autoría de Cruz Vermella. Na súa intervención o responsable da área social do Goberno galego volveu insistir na prioridade da Xunta “para que non haxa ningunha familia sen fillos, pero tampouco, ningún neno ou nena sen familia” e sinalou que hoxe en día o acollemento é “o maior exemplo de amor e de filantropía que podemos atopar na sociedade”.

Nesta liña, o conselleiro destacou as importantes medidas que ten desenvolvido a Xunta de Galicia a prol do acollemento e referiuse ao feito de que “dos case 2.000 menores tutelados ou en garda da Xunta de Galicia, o 61% atópanse en acollemento familiar e dentro deles, o 87% están acollidos en familia extensa, sendo este o recurso máis idóneo porque mantén aos menores no seu entorno socioeducativo e emocional”.
No que respecta ao pulo orzamentario realizado pola Consellería de Política Social, Rey Varela destacou os 3,5 millóns de euros destinados ao acollemento para 2016 e o incremento do importe dos convenios con Cruz Vermella (ata os 330.000 euros) e Aldeas Infantís (máis de 150.000 euros). No eido administrativo subliñou tamén “a recente Lei de apoio á familia e á convivencia de Galicia na que protexemos e favorecemos a permanencia do neno nunha familia, dando prioridade ao acollemento sobre o internamento residencial”.
Exposición e aplicación móbil para acoller
O conselleiro de Política Social referiuse ás dúas accións divulgativas de Cruz Vermella -a exposición itinerante e a aplicación móbil- como unha chamada á sociedade para “normalizar e visibilizar o acollemento dos menores que precisan unha familia”, así como unha motivación para que máis familias acollan.

https://www.youtube.com/watch?v=y73LLKUV4-0

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.