O Concello de Lousame obtivo un remanente de Tesourería de 39.759,68 euros no exercicio 2015. Así o comunicou a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, durante o pleno extraordinario no que deu conta da liquidación do Orzamento de 2015. Villaverde amosouse satisfeita con este resultado económico, froito da boa xestión económica que se está a realizar no Concello de Lousame.
Así, explicou que o Concello de Lousame cumpre cos principio de estabilidade orzamentaria, a regra de gasto e que segue a reducir o seu nivel de endebedamento con respecto a exercicios anteriores. A débeda a longo prazo a día de hoxe, 22 de abril de 2015, é de 138.080,83 euros.
Por outra banda, o pleno municipal aprobou a resolución do expediente de incautación da garantía definitiva de Aldasa SLU polas deficiencias cometidas por esta empresa na execución do vial de enlace entre a DP-4201 e a DP-1105. Deste xeito, o Concello de Lousame executará subsidiariamente as obras de reparación dos defectos atopados neste vial, orzamentados en 53.241,78 euros.
Teresa Villaverde explicou que para costear este investimento, o Concello de Lousame utilizará os 41.671 euros presentados como aval pola empresa cando lle foi adxudicada a obra (que serán aboados por unha empresa aseguradora) e que, unha vez executadas as obras, o que exceda reclamaráselle ao contratista.Isto é posible porque as obras, adxudicadas en novembro de 2010, contaban cun prazo de 5 anos de garantía, polo que diante das deficiencias aparecidas na obra en 2015, o Concello decidiu iniciar este procedemento. O pleno aprobou hoxe esixir o ingreso dese aval, a execución subsidiaria das obras e reclamar o que exceda do orzamento á empresa contratista.