O Museo do Gravado de Artes exhibe dende hoxe unha nova exposición pertencente á serie que a institución dedica cada ano aos gravadores galegos. Tras as mostras dedicadas a Manuel Facal, Manuel Ayaso, Leopoldo Novoa e Alfonso Costa, na edición de 2016 aborda a traxectoria e figura do célebre creador coruñés Emilio Celeiro.
O gravador, pintor e escultor acudiu persoalmente á apertura da exposición no museo situado no lugar de Outeiro, onde foi recibido polo alcalde de Riveira e presidente da Fundación Museo de Artes, Manuel Ruiz, e pola responsable do museo Laura García.
A exposición, que estará aberta ata o 21 de maio, consta de 42 gravados elaborados en distintas técnicas (augaforte, xilografía ou litografía, entre outras), complementados por pranchas orixinais e acompañados tamén de debuxos e esculturas.
Durante a súa intervención, Celeiro describiu algunhas das técnicas utilizadas no seu labor creador e referiuse tamén á súa evolución como artista, concibindo a partir de peixes máquinas de guerra e a partir das mesmas seres mutantes .
Pola súa parte, Manuel Ruiz manifestou a súa satisfacción por poder acoller esta exposición dedicada á Emilio Celeiro, que se inscribe dentro dos obxectivos do museo de dar a coñecer os nosos principais artistas contemporáneos dentro da especialidade do gravado.
https://www.youtube.com/watch?v=TVQF6soAyv4