A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio iniciará antes de que remate o ano a terceira e última fase do Plan de saneamento da Xunta en Boiro. Así o anunciou hoxe a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, durante a súa visita ao concello.
A conselleira concretou que esta terceira fase basearase en tres eixos principais. En primeiro lugar, procederase á renovación do colector do río Breiro, no que se mellorarán as instalacións, subsanaranse as súas carencias e eliminaranse as infiltracións. Ademais, vaise separar a rede de pluviais da rede unitaria, utilizando un novidoso estanque de retención para o tratamento das augas pluviais antes da súa vertedura á canle do río Breiro. Esta separación vai permitir, ao mesmo tempo, aumentar a eficacia e eficiencia do saneamento da EDAR de Boiro. E, por último e en terceiro lugar, vaise mellorar a capacidade hidráulica do río Breiro. En total, vanse investir máis de 2 millóns de euros nesta actuación, cuxo proxecto atópase agora mesmo en fase de exposición pública por parte do concello. As obras, que comezarán antes de que remate o ano, terán un prazo de execución de 8 meses.
Estes traballos completan o Plan de saneamento do Goberno autonómico en Boiro, no que a Xunta está a investir en total preto de 6 millóns de euros. A súa primeira fase consistiu na construción dun novo interceptor na praia de Barraña, que se terminou en 2011 grazas a un investimento de 2,8 millóns de euros.
A segunda fase, que vén de rematar, centrouse na mellora dos bombeos de Esteiro e Sabuqueiro. Mato achegouse a coñecer o resultado destes traballos, nos que a Xunta investiu preto de 1,1 millóns de euros.
https://www.youtube.com/watch?v=xuED-AuAmys