A atleta pobrense Lidia Parada volve a pisar a pista do estadio de A Alta de A Pobra logo de recuperarse das molestias que arrastraba no tendón de Aquiles e de asumir o golpe emocional de non poder loitar por acudir aos Xogos Olímpicos de Tokio que comezan o vindeiro venres 23 de xullo.
Parada tivo que borrarse de varias citas logo de sufrir as molestias, entre elas o campionato de España, o autonómico e un mitin internacional en Portugal. Se a atleta cumpre os prazos de recuperación podería volver a competir a finais de mes en Pontevedra.
A pobrense explica que a decisión de parar e curarse ben veu pola posibilidade de romper o tendón de Aquiles, o que conlevaría moito tempo de recuperación.
O principal obxectivo a curto prazo de Parada é o de non perder o estado de forma que tiña para rematar a tempada cunha boa marca. A pobrense xa mira de esguello ao próximo Campeonato de Europa que se celebrará en Munich no 2022, aínda que o seu principal obxectivo a longo prazo é disputar os xogos olímpicos de París 2024.