Educación fixa as avaliacións de sexto de primaria para os días 11, 12 e 13 de maio e as de terceiro para os días 24 e 25

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de fixar para o mes de maio as datas das probas de terceiro e sexto de Educación Primaria establecidas na Lomce. Tal como informou o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, este ano -en cumprimento da normativa vixente- celebrarase por primeira vez a avaliación final de 6º de Primaria, que en Galicia será os días 11, 12 e 13 de maio. Así mesmo, xa por segundo ano, tamén se realizará a proba de 3º de Primaria, que será os días 24 e 25 de maio. O Diario Oficial de Galicia publicará os vindeiros días a Resolución na que se especifica, de xeito detallado, o desenvolvemento desta proba, e que poderá consultarse ao longo do día de hoxe no portal web da Consellería.

Ambas probas están baseadas e deseñadas segundo os estándares dos currículos de 6º e de 3º respectivamente. Ademais, Manuel Corredoira insistiu en que en ningún dos casos se trata de ningunha reválida xa que nin a de 3º nin a de 6º computan a efectos de ningunha cualificación e non se avalían materias específicas senón algunhas competencias concretas.

Pola contra, son avaliacións individualizadas de carácter informativo e orientador para o alumnado, para os centros, para as familias e para a Administración educativa; e tamén probas diagnósticas cuxos resultados permitirán mellorar os procesos de docencia e de aprendizaxe.

Este curso é a primeira vez que se aplica esta proba que, en liñas xerais é practicamente idéntica á de 3º, só que se incrementa o número de competencia avaliadas xa que se introduce a proba de inglés e outra de ciencia e tecnoloxía e, precisamente por ese motivo, se estende durante tres días.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.