O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o titular de Sanidade veñen de unir forzas para mellorar e facilitar a intervención do profesorado galego ante posibles urxencias médicas nos centros educativos. Tras asistir a unha demostración de reanimación cardiopulmonar realizada por nenos de 3º e 4º de ESO do CPI Domingo Fontán, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou a necesidade de concienciar aos mozos e mozas, xa desde idades temperáns, na importancia de realizar unha correcta primeira actuación.
Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade destacou a importancia de promover a implantación de cursos de reanimación cardiopulmonar (RCP) nas escolas, xa que o 100% da poboación pasa por elas. Desta forma, ao longo dos anos, lograríase formar a toda a poboación en RCP, o que suporía un aumento da supervivencia de paradas cardiorrespiratorias e unha diminución das secuelas.
Ao abeiro deste acordo de colaboración entre Cultura e Educación e a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, o profesorado recibirá formación mixta (cunha parte on-line e unha parte presencial) e a través dos recursos conxuntos da Rede de Formación do Profesorado e a Fundación 061.
E unha vez os docentes estean acreditados, establecerase un calendario de formación do alumnado de ESO, favorecendo así unha transmisión de coñecementos en cascada. Pola súa banda, a Fundación cederá o material docente que se empregará na formación dos estudantes.