O Festival Titiriberia, organizado pola Asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Rianxo e da Deputación da Coruña, celebrará a súa sexta edición en Rianxo entre os días 20 e 24 de xullo. En total, unha decena de compañías ofrecerán os seus espectáculos na vila rianxeira no marco dunha ampla programación que tamén inclúe mesas redondas, exposicións e presentacións de libros. Deste xeito, o Festival Titiriberia trasládase no seu segundo ano en Rianxo ao verán e ampliará a súa presenza polo municipio, ao descentralizar a súa programación e espallar as súas actuacións por diferentes centros sociais e parroquias. Levaranse así as artes escénicas ao tecido asociativo local, pero tamén aos campamentos de conciliación con diferentes obradoiros coa rapazada.