Deputación Da Coruña

A Deputación investirá 30 millóns de euros ata 2019 para impulsar a creación de 3.000 novos empregos directos na provincia

A Deputación da Coruña presentou hoxe o seu novo Plan de Emprego Local (PEL) 2016-2019, que investirá 30 millóns de euros durante este período para estimular a creación de postos de traballo nos sectores público e privado e apoiar a iniciativas emprendedoras nacidas na provincia.

A través deste plan, a Deputación trázase como obxectivo a creación de entre 2.800 e 3.000 novos postos de traballo directos, dos que 700 corresponderían á anualidade de 2016, segundo explicou o presidente do ente provincial, Valentín González Formoso.

Para a anulidade de 2016, o Plan de Emprego da Deputación terá un orzamento de preto de 7 millóns de euros, que se destinarán a catro liñas fundamentais.
A primeira delas é o apoio aos concellos da provincia para a contratación de persoas en situación de desemprego que se dediquen á prestación de servizos municipais, cun orzamento de case 3 millóns de euros.
A segunda liña (cun orzamento de 1.270.000 euros), consiste no apoio ao emprendemento sostible e innovador. Esta liña comprende axudas á creación de novas iniciativas empresariais, fomento de viveiros e incubadoras de empresas e espazos de coworking na provincia e creación dun premio de 50.000 euros a proxectos emprendedores.
O PEL leva tamén unha “liña novedosa”, ata agora nunca desenvolvida pola Deputación, que consiste no apoio ás pequenas empresas da provincia con incentivos á contratación de novo persoal, que supoñen axudas de ata o 75% dos costes salariais ata finais de ano, favorecendo o emprego estable e de calidade a nivel local, para o que se destinarán 2 millóns de euros este ano.
Para rematar, o plan contempla unha liña de 400.000 euros para a elaboración e presentación de novos proxectos relacionados co emprego que optarán a financiamento con fondos europeos que poderían incrementar aínda máis esta aposta polo emprego da Deputación da Coruña.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.