FEIJOO garante o compromiso da xunta coa educación

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe no Pleno que cumprir co déficit permitirá seguir apostando polo talento innovador, con 200 novos contratos para mozos galegos investigadores, e investir 120 millóns de euros para dotar Galicia de máis e mellores infraestruturas educativas públicas.
En resposta ás preguntas dos grupos parlamentarios, Feijóo precisou que no Consello da Xunta de mañá xoves, se aprobará unha achega de “120 millóns para facer –dixo- máis colexios e para mellorar os institutos, os centros de educación primaria e a formación profesional”. E subliñou tamén que o Goberno seguirá apostando polo talento galego a través de 200 novos contratos de mozos no ámbito da innovación, do desenvolvemento e da investigación neste mes de abril.
Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta garantiu o compromiso do Goberno galego coa Educación lembrando que na Comunidade hai máis profesores por alumno que no resto de España; as universidades son as máis asequibles do país; e Galicia conta con máis prazas de formación profesional que cando comezou a crise económica.
Durante a súa intervención, o responsable da Administración autonómica afirmou que cumprir o déficit permitirá a Galicia contar con 400 millóns de euros das liquidacións do ano 2014. Ademais de cumprir o obxectivo de déficit, Feijóo salientou que Galicia é a comunidade que máis investiu en proporción ao seu presuposto no ano 2015; e a que máis investiu por habitante, por riba do País Vasco.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.