O conselleiro de Facenda anuncia que Galicia volverá demandar neste 2016 unha compensación económica por cumprir o déficit

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, anunciou hoxe que Galicia volverá demandar este ano unha compensación económica ao Goberno do Estado por acadar un ano máis o cumprimento do obxectivo de déficit público, xa que o déficit da Comunidade Autónoma en 2015 situouse no 0,57%, por debaixo do límite do 0,7% fixado polo Consejo de Política Fiscal y Financiera.
Valeriano Martínez manifestou que o déficit do conxunto das autonomías (1,66%) case triplicou o da Administración galega, e resaltou que acadar o cumprimento do déficit foi posible “con moito esforzo” por parte da cidadanía galega. Neste sentido, explicou que Galicia puido acadar este obxectivo grazas á aposta por un modelo de “crecemento san” sustentado na estabilidade e o rigor. Este modelo de crecemento baséase en compatibilizar o cumprimento do déficit con priorizar o reforzo do gasto social, ao tempo que se reduce o gasto en débeda – 56 millóns de euros menos- e se baixan os impostos, especialmente no IRPF e no Imposto sobre Sucesións.
O titular de Facenda destacou tamén as vantaxes de cumprir o obxectivo de estabilidade, incidiu en que cumprindo o déficit Galicia endebédase menos, o que permite liberar recursos para reforzar o gasto en sanidade, educación e servizos sociais, como a apertura de novas escolas infantís. Tamén citou entre outras vantaxes o feito de que Galicia mantén a autonomía financeira e a súa solvencia, ao tempo que segue xerando confianza e credibilidade, que se teñen convertido en fortalezas da Comunidade Autónoma, así como a estabilidade institucional.
Na súa intervención, sinalou que os indicadores económicos correspondentes aos primeiros meses de 2016 tamén son positivos.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.