O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou esta mañá o traballo que está a realizar a Xunta por reforzar a Atención Primaria coa posta en marcha ata finais de ano de 12 novos centros de saúde en Galicia. Durante unha visita ao novo Centro de Saúde de Oia, Feijóo aseverou que o termo ‘atención primaria’ non pode nin debe significar atención reducida, elemental nin de calidade inferior; senón atención primeira, primordial. Sobre este punto, salientou que xunto cos seus traballadores o Goberno galego está a constituír grupos de traballo coa participación dos catro colexios médicos e as tres sociedades científicas de Atención Primaria para mellorar este primeiro nivel asistencial.
Así mesmo, o titular da Xunta destacou a importancia da incorporación ao sistema das novas tecnoloxías que teñen permitido conectar a Atención Primaria coa hospitalaria a través de sistemas como a Historia Clínica Electrónica, a e-interconsulta e a prescrición electrónica.
Logo de precisar que o principal efecto desta medida ten o seu reflexo na atención ás patoloxías oncolóxicas, coa posta en marcha dun sistema de vías rápidas desde a Atención Primaria para aqueles casos nos que puidese haber sospeita de padecer un cancro; Feijóo afirmou que empregar as TIC na saúde significa tamén apostar pola telemedicina e por evitar ao paciente desprazamentos innecesarios.