O Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, participaron esta mañá na xuntanza de constitución da comisión de revisión do Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental de Galicia (Plan CAMGAL). Esta comisión créase co obxectivo de incorporar as novidades lexislativas e tecnolóxicas que foron aparecendo no eido da contaminación mariña accidental dende a posta en marcha do Plan CAMGAL no ano 2012.
Segundo explicou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, entre outros aspectos, búscase adaptar algúns conceptos do plan ao Sistema Nacional de Resposta, que é posterior ao CAMGAL. A titular de Mar destacou a importancia da prevención e da preparación dos diferentes axentes involucrados na loita contra a contaminación mariña accidental, xa que, subliñou, son claves para afrontar as continxencias. Neste sentido, sinalou que o Plan CAMGAL supuxo unha mellora na coordinación entre os diferentes niveis de resposta, por iso, dixo, para seguir avanzando neste ámbito é importante a súa revisión, tal e como establece o decreto que regula a estrutura e organización deste plan.
O Plan CAMGAL recolle un conxunto de normas e procedementos básicos de actuación, a estrutura de organización e o sistema de resposta das administracións públicas fronte a un episodio de contaminación mariña accidental que se produza ou afecte ao litoral da nosa Comunidade. Da comisión de revisión deste plan forman parte as Consellerías de Mar, Vicepresidencia, Administracións Públicas e Xustiza; Medio Ambiente e Ordenación do Territorio; Sanidade; Política Social, e Economía, Emprego e Industria.
Ademais de analizar os cambios da lexislación na que se enmarca o CAMGAL, durante a xuntanza fíxose balance dos catro anos de vixencia deste plan. Neste tempo, a Xunta activou en catro ocasións o plan en nivel de alerta, é dicir, o máis leve, e en todos os casos demostrou a súa efectividade na organización da resposta. Tres delas foron no ano 2013, unha en Laxe, outra en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) e outra na localidade lucense da Devesa, en Ribadeo. A última ocasión na que se activou foi no 2015 na ría coruñesa do Burgo.
https://www.youtube.com/watch?v=tfaCOZi8bVk