O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, e o Conselleiro Maior do Consello de Contas, José Antonio Redondo, asinaron hoxe un convenio de colaboración entre ambas institucións que permitirá mellorar o fluxo de información e implantar un sistema máis eficiente de render contas.
Así, segundo expuxo o conselleiro, o convenio asinado hoxe ten dous obxectivos fundamentais, por un lado mellorar o intercambio de información entre a Administración autonómica e o organismo fiscalizador a través das novas tecnoloxías e, polo outro, implantar un sistema máis eficiente que axilice a rendición de contas que a Xunta de Galicia realiza periodicamente ao Consello de Contas.
Neste sentido, Valeriano Martínez explicou que para a consecución deses fins formarase unha Comisión Mixta conformada por representantes do Consello de Contas e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.
Este novo órgano traballará en iniciativas que propicien render contas telematicamente, faciliten o acceso á documentación e melloren o seguimento das recomendacións contidas nos informes de control que de xeito periódico elabora o Consello de contas.
O novo marco de colaboración previsto na Lei Reguladora do Consello de Contas, impulsada polo Executivo autonómico, beneficiará o labor deste organismo fiscalizador ao tempo que permitirá que a Administración autonómica realice as súas funcións cun maior grao de calidade e control.
https://www.youtube.com/watch?v=1ruPLAYBb04