A Xunta vai seguir traballando para erradicar e castigar o mal uso do nome de Galicia na identificación do mexillón foráneo, xa que lembrou “non se pode cualificar máis que coma unha fraude na medida na que se engana ao consumidor falsificando a orixe da materia prima”, así o afirmou esta mañá o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, respondendo no Parlamento a unha pregunta relacionada coa etiquetaxe do mexillón galego.
Nesta liña, Juan Maneiro reiterou que a Xunta nunca permitiu que se comercializase mexillón como “Rías Gallegas” se o mexillón non tiña esa procedencia. Así informou que entre 2014 e o 2015 a inspección de control da calidade Alimentaria da antiga Consellería do Medio Rural e do Mar realizou no sector das conservas de peixe 42 actas de inspección. Delas, explicou Juan Maneiro, unha orixinou un expediente sancionador relacionado co uso de mencións relativas á orixe galega do produto cando era foráneo e outras catro están informadas positivamente con proposta de sanción por emprego irregular de mencións relativas á orixe.
En relación á sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra coñecida hai unhas semanas, Juan Maneiro, explicou que non crea xurisprudencia e que unicamente ten efectos entre as partes do procedemento, é dicir, entre unha conserveira en concreto e o Consello Regulador do Mexillón.
En relación á intención da UE de prohibir a actividade da frota do arrastre aos 800 metros, Juan Maneiro cualificouna como unha proposta “claramente negativa” que atende unicamente a un enfoque medioambientalista sen ter en conta os aspectos sociais e económicos.
