Galicia logrou estabilizar o seu nivel de endebedamento público durante o pasado ano, e neste 2016 a Xunta reducirá por primeira vez este indicador co obxectivo de seguir sendo a comunidade de referencia no control da débeda, segundo explicou hoxe o director xeral de Política Financeira e Tesouro, David Cabañó.
En rolda de prensa, Cabañó destacou que os datos publicados hoxe polo Banco de España mostran que Galicia é a comunidade autónoma onde menos aumentou o nivel de débeda pública o pasado ano –só medrou unha décima-, mentres que no conxunto do Estado creceu 1,5 puntos. En Galicia, este indicador non variou no terceiro nin no cuarto trimestre do ano.
En concreto, o endebedamento de Galicia situouse ao peche do ano no 18,6% do PIB, o que supón un incremento de 0,1 puntos no último ano. Pola contra, a media autonómica pasou do 22,7% ao 24,2%, o que supón que o diferencial positivo segue aumentando e sitúase xa nos 5,6 puntos, o maior da historia da Autonomía.
https://www.youtube.com/watch?v=YeGG-S_obGw