O consello sectorial de pesca analizará custes e contidos para celebrar dende setembro unha feira pesqueira bienal

O salón de plenos do Concello mantivo no día de hoxe unha reunión do Consello Sectorial de Pesca de Riveira cuxo principal punto na orde do día foi o estudo dunha proposta para a celebración dunha feira de carácter bienal asociada á produción pesqueira.

Trátase dunha inquietude da Asociación de Empresarios e da Confraría de Pescadores de Riveira para que a cidade dea cabida a un evento co que potenciar a posta en valor dos nosos produtos do mar e promocionar a súa calidade, aglutinando os distintos sectores asociados á principal actividade económica do municipio.

Os membros do consello sectorial acordaron que se faga unha previsión dos seus contidos e unha avaliación dos seus custes. Tocante ao primeiro punto, da análise levada a cabo despréndese que tería un carácter eminentemente profesional (servindo como punto de contacto que propicie novas vías de comercialización) pero sen obviar un compoñente lúdico-cultural a través de exaltacións de produtos, showcookings, etc.

Polo que se refire aos seu financiamento, preténdese que sexa costeado por un lado polo sector privado e por outro por entidades públicas interesadas, caso do Concello, a Deputación ou a través de fondos GAC.

Tamén se tivo tempo de falar da súa data de celebración (o mes de setembro), a súa duración (catro días) e do seu posible emprazamento. A este último respecto, baralláronse ben a actual lonxa, que estará baldeira previsiblemente no mes proposto, ou ben nalgunha sección da nova lonxa, como pode ser o aparcadoieo. Tamén incluiría a zona exterior a o recinto elixido.

Unha primeira estimación valora en que podería atraer uns 10.000 visitantes.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.