O secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, pediulles hoxe aos alcaldes das Mareas que “se apunten ao cambio e as reformas” como a alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena.
“O PSdeG o fixo nas cidades despois das últimas eleccións municipais porque entendeu que era o momento do cambio e dixo si a ese cambio”, asegurou o líder dos socialistas galegos, que visitou en Portosín un barco de mariñeiros do cerco xunto cos voceiros de pesca no Senado, Modesto Pose, e no Parlamento galego, José Ramón Val, e representantes do partido na comarca. “Onte falabamos da necesaria rexeneración das rías e hoxe dun reparto xusto para o sector do cerco”, afirmou Besteiro.
Besteiro insistiu en que “hoxe mesmo Manuela Carmena pediu un cambio, non é tarde e todos podemos participar para que este país comece unha nova etapa”, ademais de pedir a En Marea que “aclare se a súa prioridade é a axenda social ou a axenda da autodeterminación”.
O secretario xeral dos socialistas considerou pouco apropiadas “as referencias ao pasado de Mariano Rajoy e Pablo Iglesias onte na sesión de investidura” e engadiu que “de nada serven agora as escusas, os cidadáns piden un cambio xa, non queren esperar máis”.
https://www.youtube.com/watch?v=SoMIquH0BrQ