Máis de 3.500 mariscadores e mariscadoras se benefician da mellora na clasificación microbiolóxica en 33 zonas de produción de GALICIA

O Consello da Xunta analizou hoxe un informe da Consellería do Mar sobre os cambios da clasificación microbiolóxica das zonas de produción de marisco entre abril de 2009 e xaneiro de 2016. Del despréndese que un total 3.575 mariscadoras e mariscadores se benefician da mellora na clasificación microbiolóxica de 33 zonas de produción de Galicia.

As zonas de produción de moluscos bivalvos infaunais como a ameixa, o berberecho ou a navalla entre outros, e os polígonos de bateas nos que se rexistrou melloría representan unha superficie total de 885 Km2 e 607 bateas. Isto fronte a un total de 11 zonas nas que a situación microbiolóxica empeorou e que representan unha superficie total 10 Km2 e 58 bateas.

Estas zonas de produción clasifícanse en tres categorías atendendo aos niveis de bacteria E.coli. Así, as zonas de clase A son aquelas de mellor estado sanitario e nas que os moluscos que proceden delas poderán ir ao consumo directo sen necesidade de pasar por depuración -sempre a través dun centro de expedición que terá o correspondente rexistro sanitario-.

As zonas de clase B son aquelas nas que os moluscos recollidos nelas deben ir á depuración, reinstalación ou tratamento térmico antes de ser consumidos. Por último, as zonas de clase C son as de máis carga contaminante e os moluscos recollidos nelas só se poden comercializar tras ir á reinstalación durante un período ata cumprir as normas sanitarias ou ben pasar polos procesos térmicos indicados na lexislación en vigor.

En canto a estas categorías, o informe destaca o incremento da porcentaxe das zonas de mellor clasificación, as de clase A, pasando a representar un 17% no 2016, fronte ao 4% que representaban no 2009. Tamén o descenso global das zonas de produción de maior carga contaminante, as de clase C, baixando a un 7% no 2016, fronte ao 15% que representaban no ano 2009.

Esta mellora é unha consecuencia directa do programa de actuacións en materia de saneamento e depuración dos efluentes, tanto urbanos como industriais, que poidan chegar ás rías de Galicia, promovido pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, coa colaboración da Consellería do Mar. Tamén dos labores de rexeneración en bancos marisqueiros, levados a cabo pola Consellería do Mar e polo propio sector. Esta evolución positiva redunda en mellores opcións de cara á comercialización dos moluscos.

En canto ao número de zonas, cabe ter en conta que dende abril de 2009 ata febreiro de 2016 houbo un incremento do 31% en número de zonas (de 98 a 128) debido á creación das zonas de reinstalación, ao despregamento das zonas de produción de bateas por polígonos e ás subdivisións de zonas de produción en subzonas máis pequenas. Isto realizouse co obxectivo de reducir ao máximo a superficie das zonas clasificadas C e favorecer a actividade do sector.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.