A Xunta está a comunicar ao sector a anulación do borrador de lei de acuicultura e a súa retirada da exposición pública. A través dunha misiva, remitida hoxe aos preto de 300 directivos do sector aos que se enviou este borrador de lei, a conselleira do Mar trasladoulles esta decisión.
Na carta, a conselleira explica que “no ánimo de garantir que non se levará a cabo ningún labor que puidera ser entendido como contrario ao propio sector” comunica de xeito oficial “a anulación do devandito borrador de lei, a súa retirada da exposición pública e a decisión de non iniciar ningún trámite administrativo ou lexislativo neste ámbito e con este texto proposto”.
A titular de Mar lembrou que o texto non estaba en ningún trámite administrativo e que estaba a exposición pública “para ser mellorado coas aportacións do sector”. Ante as alegacións que presentaba a maior parte do sector de paralización, o propio presidente da Xunta anunciou que se paralizaba e abriuse un prazo para poder facer grupos de traballo e discutir aspectos positivos e negativos co sector sobre este borrador de lei. “Parece que isto non foi suficiente”, sinalou Rosa Quintana e “se o sector considera que non é bo manter unha ordenación desta actividade para Galicia, deixamos de ordenar esta actividade, polo tanto non hai lei”.
https://www.youtube.com/watch?v=WRFDp7_6gEM