O parlamentario do BNG, Daniel Rodas asegurou que é necesario adoptar medidas sobre os descartes polo que reclamou instar á Xunta a dirixirse ao Goberno central e a UE para compensar a aplicación da normativa de descartes pesqueiros que supón menos cotas, menores ingresos e caída da rendibilidade.
A proposta do BNG acadou a unanimidade dos grupos parlamentarios da Comisión para Asuntos Europeos, celebrada hoxe no Parlamento galego.
Na defensa da iniciativa, o nacionalista explicou que os descartes poden ser destinados á fariña para peixe, aceite de peixe, pensos, aditivos ou produtos farmacéuticos que máis ben parece “o modelo ideado para os cultivadores de peixe” pero non para os traballadores do mar. Son os propios armadores, afirmou, os que reclaman medidas alternativas como que o reparto do esforzo sexa proporcional ás cotas de pesca de cada país ou que as toneladas que non pesquen outros países como Francia, Irlanda ou Gran Bretaña poidan ser pescadas por aquelas flotas que o precisen.