A Consellería do Mar quere expresar a súa satisfacción porque os representantes do cerco de Galicia tiveran acadado por fin un acordo para o reparto do xurelo entre os seus barcos. Este acordo chega trala reunión mantida onte en Santiago na que se convocou á Comisión do Cerco do Consello Galego de Pesca xunto cos representantes das dúas asociacións maioritarias do sector. A xuntanza estivo presidida pola conselleira do Mar, Rosa Quintana.
O incremento de xurelo para o conxunto da frota galega para este ano será de case 3.500 toneladas. Deste xeito, Galicia pasa das 10.140 toneladas deste peixe no ano 2015 ás 13.602 toneladas para o ano presente. A Xunta logrou que todas as partes se puxeran de acordo e que aceptaran un reparto consensuado que respectará a base do compromiso rubricado por eles mesmos en decembro de 2013 entre o Ministerio e o conxunto das Comunidades Autónomas con intereses pesqueiros.
A instancias da Xunta, a novidade do acordo consensuado onte -e trasladado polos representantes da Consellería á Secretaría General de Pesca do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente- radica no establecemento dun solo mínimo de cota de xurelo para todos os barcos en función dos seus GTs (capacidade do barco). Ese solo mínimo non se establecerá só para o reparto deste ano senón que queda establecido de xeito permanente.
No transcurso da reunión adquiriuse o compromiso de que, por unha banda, ningún barco tivera para 2016 unha cota de xurelo inferior á de 2015 e que, pola outra, se constituirá un novo grupo de traballo con todos os representantes do sector no que se estudarán todas aquelas opcións que poidan contribuír a acadar mellores posibilidades pesqueiras para o próximo ano.
https://www.youtube.com/watch?v=eZXZA7Z-W-4