O director do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe na súa visita ás instalacións de Confecciones Hortensia en Taragoña (Rianxo) o compromiso desta compañía coa fabricación de prendas de calidade en Galicia e a vocación de internacionalización da empresa, que ten contado co apoio da Xunta para consolidar a súa presenza en mercados exteriores.
Confecciones Hortensia, especializada en prendas femininas, conta cun cadro de persoal integrado por 70 traballadores e produce integramente na comunidade, especialmente para tendas multimarca. Ten clientes e puntos de venda en diferentes países de Europa –Francia, Italia e Portugal entre outros–, así como noutros mercados como Líbano.
Segundo o director do Igape, a profesionalidade e o compromiso con Galicia de empresas como Confecciones Hortensia explica que o sector téxtil se manteña, ano tras ano, como un dos que máis contribúen ao incremento das exportacións galegas, que creceron un 5,4% de xaneiro a novembro, fronte a unha media estatal do 4,3%. Un dos sectores que máis teñen medrado en Galicia é precisamente o téxtil, cun incremetno do 9,9% neste período.
O IGAPE destaca o compromiso da empresa de RIANXO CONFECCIONES HORTENSIA coa calidade e coa internacionalización
Please login to join discussion