Rianxo

O BNG pide dotar de persoal de pediatría o centro de saúde de RIANXO ante a sobrecarga no servizo e o PP vota en contra

A parlamentaria do BNG, Ana Pontón defendeu hoxe na comisión de sanidade unha Proposición non de lei destinada a dotar de persoal de pediatría o centro de saúde de Rianxo.
A parlamentaria achacou aos recortes da política sanitaria do Partido popular que se recorten os “servizos e prestacións sanitarias” o cal afecta a calidade sanitaria en xeral e algúns servizos moi sensibles como os de pediatría. Os nenos e nenas, dixo, teñen dereito a unha asistencia integral e precisan de especialización que o sistema sanitario público debe atender con rigorosidade e sen “escatimar en recursos e medios”. Neste sentido, referiuse aos problemas de atención pediátrica no concello de Rianxo que durante o mes de decembro non substituíu as baixas de pediatría o que levou ás familias a recoller sinaturas e mobilizarse para demandar outro pediatra para o centro.
Pontón explicou que o cupo do pediatra de Rianxo alcanza a 1.328 nenos e nenas pero realmente atende a unha poboación maior elevando o número a 1.400. As nais e país rexeitan ter que acudir a un médico privado sobre todo “porque pagan as cotizacións á Seguridade Social”, dixo a deputada, pero dende o ámbito público non se está a garantir a atención destes nenos e nenas polo que solicitou que o Parlamento reclame á Xunta de Galiza dotar de persoal de pediatría o Centro de Rianxo.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.