Os populares da pobra volveron denunciar unha vez máis a indefinición do goberno municipal con respecto ó proxecto do futuro centro de saúde. Sorpréndelles ademais a petición de axuda para mediar ante os representantes da Xunta cando, din, ata o de agora non contaron co grupo popular para nada.
No último pleno ordinario celebrado na Pobra o PP levou unha moción sobre o proxecto do centro de saúde. Ante as dificultades para ser recibidos na Xunta, os responsables do goberno instaron ós populares a intermediar ante a administración autonómica para axilizar as reunións pendentes.
Algo que sorprende ó PP posto que, din, xa está programada unha cita na Consellería de Sanidade para a próxima semana.
Consideran os populares que a intención do goberno municipal é responsabilizar a outras administracións da súa falla de xestión xa que, din, nestes oito meses non teñen sequera concretado os seus plans para o centro de saúde.
A este respecto, lembran que o anterior goberno municipal deixou atado un proxecto para o futuro centro de saúde, cunha bolsa de terreos cedida ó concello e o compromiso da Xunta de acometelo con cargo ós orzamentos deste ano.