Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron máis de 1.840 quilos de peixe e marisco e 237 aparellos de pesca en diferentes operativos realizados polo litoral galego nos últimos días. Os inspectores da Xunta tamén se fixeron con 3.950 metros de artes de enmalle.
Na ría de Muros e Noia os gardacostas comisaron 1.773 quilos de diversas especies e incautaron 3.600 metros de artes de enmalle e 69 artes de pesca.
Por outra banda, na ría de Arousa realizáronse varios operativos que deron como resultado o comiso de máis de 51 quilos de diversas especies e a incautación de 140 aparellos de pesca e 200 metros de artes de enmalle. A actuación máis relevante foi nun control rexistrado na zona de Sálvora e Portomouro, onde se incautaron 111 nasas de polbo, 22 de centola e 7 de choco e as especies que contiñan, 15 quilos de polbo, 6 de centola e 10 de choco. Os axentes requisaron este material porque se atopaba todo sen identificar.