A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá este ano un total de 230.000 euros, procedentes de fondos FEDER, para continuar mellorando o Parque Natural de Corrubedo. Deste total, máis de 100.000 euros vanse dedicar a estudos sobre o medio físico e biótico do espazo e, ademais, vaise reforzar o seu servizo de información, que estará aberto aos visitantes desde mediados de febreiro, e non só no período estival como ata o de agora.
Así o anunciou hoxe a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, que se desprazou ata este enclave con motivo da conmemoración do Día mundial dos humidais. Esta efeméride celebra a data da sinatura, hai agora 45 anos, do convenio sobre os humidais, un marco que rexe tanto en Galicia como en Europa.
O humidal de Corrubedo, ademais dun humidal recoñecido internacionalmente, é tamén un dos sete parques naturais galegos. Dispón de 1.000 hectáreas e é un dos ecosistemas costeiros máis ricos en flora do norte de España. Só no último ano visitaron este espazo preto de 65.000 persoas.
Segundo precisou a conselleira, o compromiso coa súa conservación esténdese tamén aos outros seis parques naturais galegos. A Xunta ten consignado para eles 3,25 millóns de euros en 2016, que se veñen a sumar aos máis de 19 millóns que se teñen investido nestes parques desde 2009.
https://www.youtube.com/watch?v=xQ3_wTNTZgk