O Concello de Lousame vén de realizarlle unha homenaxe ao atleta local Fernando Pérez Fernández “Dete”, que nos dous últimos meses vén de proclamarse campión de España de Canicross en terra e campión de Galicia de Bikejoring. Un acto presidido pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e presentado pola concelleira de Deporte e Xuventude, María Regenjo, quen salientou o currículo deportivo de “Dete”, “pois cando unha persoa de Lousame leva o nome deste concello por toda España é algo que nos enche de orgullo”.
Pola súa banda, Teresa Villaverde felicitou a Fernando Pérez polos seus triunfos deportivos e desexoulle toda a sorte na posta en marcha de “Senbal adestramento canino”, unha iniciativa que combinará unha escola de canicross para fomentar o deporte de base e unha escola de adestramento de cans.
https://www.youtube.com/watch?v=S7OJllWQJOk