Sin categoría

O PRESIDENTE DA XUNTA asina un acordo coa fundación barrié para a creación dun fondo que impulsará que a investigación científica se traslade ao mundo da empresa

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asinou hoxe un convenio coa Fundación Barrié para a creación do Fondo autonómico de proba de concepto, que ten como obxectivo “comprobar se as ideas e a innovación que se desenvolven neste momento en Galicia poden ter éxito empresarial e, nese caso, acompañar os investigadores ata acadalo. Deste xeito, e segundo explicou o presidente autonomico, impúlsase que os proxectos pasen “a liña desde a Universidade á empresa” e foméntase a colaboración entre o sector público e a sociedade civil no fomento da investigación.

En virtude deste acordo, a Barrié transferiulle á Xunta a metodoloxía e a experiencia do Fondo de Ciencia, un instrumento similar do que esta institución dispón desde 2011. Ten tres obxectivos principais: facer máis rendible social e economicamente o investimento público e innovación, identificar de xeito rápido os proxectos con potencial innovador e facilitar a transferencia dos resultados de investigacións cara ao mercado.
Este novo fondo estará dotado inicialmente con 1.650.000 euros, unha cantidade que se poderá ver incrementada conforme se vaian sumando a el outras institucións públicas e privadas. Con estes cartos apoiaranse entre seis e dez proxectos dos centros de investigación galegos, escollidos de entre unha primeira selección de 25 investigacións. Feijóo gabou o labor da Fundación Barrié no fomento do talento, pois nos últimos 26 anos concedeu bolsas a 15.000 estudantes, algo do que “non hai precedentes” nunha institución privada galega. Ademais, o Fondo de Ciencia, que supón a orixe do Fondo autonómico de proba de concepto, impulsou a “transformación de ideas innovadoras en proxectos empresariais exitosos”.

Salir de la versión móvil