O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na presentación do Bosque de Galicia da Cidade da Cultura, que coa Estratexia da Paisaxe a comunidade galega recupera o tempo perdido e ponse á cabeza das autonomías en contar cunha estratexia conxunta e completa para todo o territorio no que a paisaxe se refire. Esa ferramenta incluirá unhas pautas de intervención xeral en cada tipo de paisaxe, identificadas e consensuadas durante o proceso de participación, así como os criterios para actuar nos lugares que ou posúan especial valor ou sufran unha especial degradación.
Nun momento en que cada ano desaparecen da superficie terrestre millóns de hectáreas arboradas, Feijóo insistiu en que este proxecto quere ser, en primeiro lugar, reivindicación do bosque, e nomeadamente do bosque tradicional galego, como un activo de gran valor ecolóxico, paisaxístico e económico cuxa conservación merece unha enorme atención.
Nesta liña, subliñou que o obxectivo é facer dese espazo unha área sustentable que favoreza a biodiversidade e o metabolismo da capital de Galicia, xerando ademais, un efecto positivo sobre o río Sar.
Ao longo do acto, Feijóo lembrou que a Comunidade galega é, desde o punto de vista forestal, un dos territorios máis importantes de Europa, cunha superficie arborada de case un millón e medio de hectáreas, o que representa o 48% do total do territorio galego.
http://youtu.be/F4NjwK3YaIk