A Xerencia de Xestión Integrada de Santiago puxo en marcha no ano 2013 a e-consulta, un modelo asistencial que abriu unha liña directa entre profesionais de atención primaria e hospitalaria. A e-consulta, ferramenta baseada nas tecnoloxías da comunicación, permitiu aumentar a capacidade resolutiva dos médicos de atención primaria facilitando a comunicación fluída e áxil entre profesionais.
A e-consulta de cardioloxía estendeuse a toda a área sanitaria de Santiago a primeiros de 2014 e a súa posta en marcha supuxo unha redución dos tempos de demora e do número de pacientes que esperan por unha cita. Profesionais de atención primaria e cardiólogos, traballan conxuntamente para atender as necesidades da especialidade na comarca, evitando desprazamentos ao hospital e facilitando a atención inmediata dos casos complexos.
Este novo sistema de asistencia permitiu pasar de 231 pacientes en espera para unha primeira consulta de enfermidade cunha demora media de 46,6 días en 2013 a 37 pacientes cunha espera de 7,5 días segundo os datos publicados a 30 de xuño de 2015.
Entre outras medidas, a e-consulta de cardioloxía favoreceu que os pacientes esperen preto de 40 días menos no acceso ao especialista e diminuíu o volume de pacientes en espera preto de 200 nos últimos 2 anos.
Un 35% das e-consultas de cardioloxía realizadas en 2015 (562) quedaron resoltas entre os especialistas, de modo que 199 só tiveron que achegarse ao seu centro de saúde en menos dunha semana dende que o médico do centro de saúde iniciara o proceso. Tamén compre destacar a grande utilidade para o seguimento de pacientes con patoloxías crónicas.
Amais en 2015 atendéronse un total de 2108 consultas presenciais no hospital do Barbanza, das que o 52% foron primeiras visitas e 1009 revisións na data asignada polos especialistas.
Canto a probas, neste último ano realizáronse 5 holters por parte dos cardiólogos que pasan visita no hospital do Barbanza e 6 probas de esforzo. Efectuáronse 323 ecocardiogramas.
https://www.youtube.com/watch?v=RunX4_tIN-I




