O valor económico das vendas do marisqueo en Galicia aumentou nun 14% no 2015 e superou os 66,5 millóns de euros con 7.500 toneladas vendidas en lonxa. Estes datos extráense do informe sobre resultados da campaña do marisqueo en Galicia no 2015, presentado hoxe no Consello da Xunta.
Na comparativa dos datos do último ano cos do volume medio de vendas no período 2010-2015 tamén se rexistra un incremento, dun 4% no caso da cantidade vendida en lonxa e dun 5,5% na facturación.
A maioría das capturas procedentes do marisqueo a flote vendéronse principalmente nas lonxas das zonas de Muros e Arousa, que agrupan o 74% do total da cantidade vendida e máis do 65% da facturación. O informe destaca o caso da lonxa de Noia, que practicamente duplica os datos do ano anterior, coa venda de 1.600 toneladas de bivalvos por un valor superior aos 9 millóns de euros. O ano pasado nesta lonxa vendeuse o 36% da cantidade total e obtívose o 24% da facturación.
A maioría das capturas do marisqueo a pé tamén se rexistraron nas lonxas das zonas de Arousa e Muros, sendo maiores as da zona de Arousa, que representan máis do 51% da facturación total deste sector. Neste caso, destacan as lonxas de Noia, O Grove e Campelo.
