A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, mantivo esta mañá un encontro co alcalde de Porto do Son, José Luis Oujo, para analizar o estado actual da tramitación do PXOM e verificar os derradeiros avances incorporados no documento antes de que sexa sometido á aprobación provisional polo Pleno municipal, e a continuación enviado á Xunta para a súa aprobación definitiva.
O encontro desta mañá puxo o fin a unha decena de reunións celebradas 2014 nas que os técnicos de ambas as dúas administracións traballaron conxuntamente para pechar un documento no que se subsanen as indicacións realizadas polo departamento autonómico, a maior parte relacionadas cos reaxustes das delimitacións dalgúns dos 140 núcleos rurais existentes no municipio.
Encarnación Rivas trasladoulle ao rexedor municipal que trala aprobación provisional, a Xunta disporá dun prazo dun mes para comprobar a integridade documental do expediente administrativo e do proxecto presentado. Unha vez superado este trámite, tamén lle indicou que a Administración galega dispón dun prazo de tres meses para estudar o PXOM e emitir a correspondente orde, período que empeza a contar unha vez que este completo.