O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe o labor do sector vitivinícola galego, ao que puxo como exemplo do camiño a seguir “por todos nós” para saír reforzados da crise económica. O titular do Goberno autonómico participou nos actos de celebración da Festa do Viño Albariño, que este ano acada a súa LXIIª edición.
Hoxe en día, este gran traballo é coñecido en todo o mundo grazas á crecente internacionalización dos nosos caldos, que leva cada vez máis lonxe a sona de prestixio da enogastronomía galega. O titular do Executivo autonómico salientou esa “aposta decidida” do sector na conquista de mercados afastados, que lle ten permitido achegar “un viño excelente” a un mercado “cada vez máis global e esixente”. Actualmente, segundo resaltou Feijóo, as exportacións de Albariño representan tres de cada dez botellas e o obxectivo para o ano que vén fíxase en catro de cada dez.
Entre os galardoados atópanse, así mesmo, persoeiros do mundo da sanidade, como a oncóloga Marisol Soengas; da Administración, como Francisco Conde, conselleiro de Econonomía e Industria; da xudicatura, como José Luis Costa Pillado, presidente do Consello Consultivo de Galicia; e, por suposto, do viño, como o enólogo Jesús Requena e os adegueiros Eulogio Pomares Botana, de Zárate e Hijos, e Rosa Ruiz, de adegas Santiago Ruiz.