Galicia pechou 2015 con 23.110 persoas desempregadas menos que en decembro de 2014. Así o destacou hoxe a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, quen sinalou que o paro rexistrado na evolución interanual- de decembro a decembro- descendeu nun -9,17%.
Isto supón un comportamento mellor que a media do Estado, xa que Galicia baixa 1,21 puntos máis que España, que pechou o ano cunha baixada de -7,96%. Grazas a esta evolución, Toca afirmou que “a nosa Comunidade sitúase a niveis de paro inferiores aos de decembro de 2010, é dicir, de hai 5 anos”.
Galicia mantén esta boa evolución interanual do paro rexistrado, pese a que no dato intermensual (decembro con respecto a novembro) medra nun 1,6%. Neste senso, a secretaria xeral de Emprego explicou que decembro é un mes no que se producen ascensos do paro rexistrado durante toda a serie histórica, é dicir, en todas as estatísticas publicadas desde 1996, factor que tamén ten que ver con que o turismo nesta época do ano en Galicia non ten impacto sobre a creación de emprego como noutras comunidades, como poden ser Cataluña, Madrid, Canarias e Andalucía.
Con respecto aos datos por provinciais, ao peche de 2015 todas reduciron o numero de persoas desempregadas. A Coruña rexistrou unha baixada con respecto ao 2014 de -9,38%.
https://www.youtube.com/watch?v=YfFonOXjvfM