A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de convocar dúas liñas de axudas para incentivar ao longo deste ano a contratación dos menores de 30 anos inscritos no programa de Garantía Xuvenil. En concreto, o departamento autonómico destina máis de 6,5 millóns de euros co obxectivo de mellorar a inserción profesional dos mozos e mozas galegos.
Por un lado, a Xunta de Galicia apoia con preto de 3,5 millóns de euros ás contratacións de menores de 30 por parte de empresas, tanto en contratación indefinida como en temporal, sempre e cando se realicen entre o 1 de novembro de 2015 ata o 30 de setembro de 2016.
No caso dos contratos indefinidos, apóianse cun mínimo de 7.000 euros, contía que se incrementa en 600 euros no suposto de que a persoa contratada sexa muller, e ata 8.200 euros no caso de que a contratación sexa realizada por empresas pertencentes a sectores estratéxicos.