A conselleira de Medio Ambiente presentou esta mañá esta iniciativa que identifica 16 espazos imán, cos que se pretende atraer visitantes a paraxes que se atopan na mesma área de influencia
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destinará 4 millóns de euros á posta en marcha do primeiro Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia.
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, explicou esta mañá que ao longo dos vindeiros catro anos se levarán a cabo un total de 29 actuacións específicas divididas en tres grupos, que representan os eixes deste plan.
Explicou que o primeiro é a posta en valor do patrimonio natural de Galicia, para o que se articulará unha nova oferta de actividades, recursos e melloras en torno aos espazos, atendendo sempre a súa conservación, sustentabilidade, o seu valor paisaxístico e a biodiversidade.
O segundo dos eixes centrarase na promoción e comunicación do patrimonio, a través dos medios de comunicación, da presenza en feiras ou da elaboración de novos paquetes turísticos. Tamén se contará cun importante esforzo para reforzar a presenza do patrimonio natural nas novas tecnoloxías. Por último, o terceiro dos eixes, será a educación ambiental e divulgación dos recursos naturais de Galicia, co que se apostará pola difusión e investigación científica, dende un punto de vista didáctico.