O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que desde hoxe se normalizará a asistencia de persoal nas oficinas de atención á cidadanía e de rexistro das sete cidades galegas. A incorporación presencial realizarase nos horarios habituais salvo nos casos das persoas vulnerables ou con menores ao seu cargo, que seguirán teletraballando.
Así o explicou despois de manter unha reunión por videoconferencia con responsables deste servizo nas sete cidades galegas, na que tamén participou a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto. Desta forma, sinalou que este proceso se enmarca no protocolo de medidas preventivas fronte ao coronavirus nos servizos de rexistro e atención á cidadanía para a súa apertura ao público acordado polo Centro de Coordinación Operativa (Cecop).
O proceso de incorporación iniciouse o pasado 4 de maio con dúas persoas en cada turno, logo a metade do persoal en cada quenda e agora complétase co resto de empregados públicos no seu horario de traballo. O vicepresidente da Xunta incidiu en que durante o estado de alarma “os rexistros das cidades mantivéronse operativos , Nesta liña, indicou que neste periodo rexistráronse case 100.000 escritos de entrada e unha cifra similar de notificacións.




